Thursday 02 de May de 2024

Ovidio Rodeiro aposta en FITUR por seguir potenciando o Templo de Santo André de Teixido como un dos maiores santuarios de peregrinación de Galicia


O delegado territorial da Xunta na Coruña participou na presentación de “Proxecto do Xeoparque Cabo Ortegal e o camiño a Santo André de Teixido como produtos sostibles; Festival do Mundo Celta Ortigueira”, organizada pola Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, participou, esta tarde, nunha das presentacións da programación de Galicia que se levaron a cabo na 40º edición de Fitur, a Feira Internacional de Turismo que se celebra en Madrid desde onte mércores e que rematará o venres.

O delegado territorial destacou, na súa intervención, que “a nosa comunidade ten unha oferta moi diversificada e é quen de ofrecer atractivos turísticos repartidos por toda a xeografía galega. En cada zona, póñense en valor os seus mellores recursos propios, o que axuda a especializar a oferta e a desestacionalizar a chegada de visitantes, sempre con dúas premisas: a calidade e a sustentabilidade a todos os niveis”.

O representante do goberno autonómico destacou que o “apoio da Xunta aos distintos xeodestinos de Galicia ten por obxectivo a diversificación da oferta e que a actividade turística sexa quen de dinamizar as economías locais, contribúa a poñer en valor os recursos naturais, culturais e etnográficos e que se sitúen como un instrumento eficaz de reequilibrio territorial, nomeadamente no rural galego”.

Concretamente o Xeodestino Mancomunidade de Ferrolterra conta cunha achega vixente dun convenio de 120.000 euros para levar a cabo as súas iniciativas. Entre as actuacións apoiadas pola Xunta nesta área destacan o aparcamento na antiga reitoral de Ames con 38.100 euros, o apoio á Semana Santa de Ferrol e ao Festival Internacional do Mundo Celta con 50.000 euros respectivamente e a colaboración coas Festas de Interese Turístico de Pantín Classic e a Festa do Polbo de Mugardos.

Ovidio Rodeiro destacou tamén a actuación levada a cabo da sinalización dos edificios históricos de Pontedeume que contaron cunha axuda de 11.000 e dentro do programa “O Teu Xacobeo” este mesmo concello obtivo unha achega de 10.000 euros para poñer en marcha a iniciativa “Camiñando polo Pontedeume Medieval”.

Dentro desta filosofía Ovidio Rodeiro participou na presentación “Proxecto do Xeoparque Cabo Ortegal e o camiño a San Andrés de Teixido como produtos sostibles; Festival do Mundo Celta Ortigueira”, organizada pola Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol.

O representante do Goberno autonómico referiuse as potencialidades turísticas da comarca apuntando que o “Xeodestino Ferrol-Rías Altas conta coas paraxes de máis alto valor natural da provincia, que o converten nun destino único y diferenciado. Esta zona é un dos puntos de partida do Camiño Inglés en Galicia e un referente no turismo industrial”.

En relación coa iniciativa da Mancomunidade, apoiada pola Xunta de Galicia, “Coñece os camiños a Santo André de Teixido”, destacou que é unha aposta por poñer en valor “un lugar cargado de historia, de beleza e de lenda; unha paraxe única situada na Costa Ártabra, territorio protexido pola Rede Natura 2000. Nesta igrexa conta a lenda que repousan os restos de Santo André, o primeiro apóstolo, e o noso obxectivo é dar a coñecer todos os camiños que nos levan a este templo”.

Ovidio Rodeiro afirmou que “estamos a falar dun dos grandes santuarios de peregrinación de Galicia polo que todo o que fagamos para dalo a coñecer será sempre un acerto”.

Datos turísticos
O delegado territorial falou do comportamento positivo do incremento da demanda hoteleira, entre xaneiro e novembro de 2019 na cidade de Ferrol, reflexo dunha acción conxunta de promoción de toda a comarca na que a Xunta xogou tamén un papel importante coa posta en marcha de iniciativas Galicia Sabe, que inclúe unha batería de iniciativas para impulsar Galicia como destino enogastronómico, por poñer algún exemplo, que axudan a desestacionalizar o turismo en Galicia e a mellorar os datos.

Neste senso, afirmou que “estamos facendo un importante esforzo para poñer en valor os potenciais turísticos que caracterizan aos diferentes xeodestinos ligados á gastronomía, a paisaxe e ao patrimonio natural”.

En cuestión de turismo un dos incrementos máis notables no 2019 foi o dos niveis de demanda hoteleira na cidade de Ferrol. En particular o volume de noites sobe un 3% como consecuencia dunha mellora da estadía media. É o segundo ano consecutivo no que se incrementa o nivel de demanda hoteleira na cidade alcanzando no acumulado ata novembro as 115.074 pernoctacións, a cifra máis elevada de cando menos os últimos cinco anos.

Ademais, Ovidio Rodeiro, destacou que o 76% da demanda corresponde ao turismo de ámbito nacional mentres que o 24% restante é de orixe internacional. A estadía media hoteleira tamén se incrementa situándose en 2,2 noites o que supón un incremento do 5,7%.

O delegado territorial apuntou que”todo isto non sería posible sen a colaboración do todos os axentes do sector, asociacións, organizacións, empresas e profesionais que fan que os xeodestinos funcionen como un quebracabezas no que cada peza conta e nos que todos temos que colaborar”.

Ovidio Rodeiro participou nos diferentes actos programados nas diferentes xornadas de Fitur, nas que o stand de Galicia acolleu diversas presentacións. O delegado estivo acompañado polos alcaldes da provincia e as asociacións e entidades aproveitaron o espazo habilitado pola Xunta para dar a coñecer as súas ofertas.